Manuel María xornalista
Manuel María periodista: escribir como quen fala
Antes de editar o seu primeiro poemario [Muiñeiro de brétemas, en 1950], Manuel María xa escribía para a prensa, nunha relación que se mantivo [ininterrompida] ao longo de 55 anos. Os seus artigos non só apareceron na maioría das cabeceiras galegas [El progreso, El Pueblo Gallego, La Noche, La Región, La Voz de Galicia, El Ideal Gallego ou Vida gallega] senón tamén nas españolas [como ABC] e numerosas publicacións americanas, en especial de Bos Aires. Por paradoxal que hoxe poda parecer [pero como síntoma da situación que se vivía na ditadura], empregaba maioritariamente o castelán nos traballos para Galicia [por cuestións de censura] e o galego para os que aparecían no exterior. Son case 1.500 artigos, concentrados desde o punto de vista cuantitativo en A Nosa Terra [semanario co que colaborou de 1977 a 1988] e en El Correo Gallego, ao que estivo vencellado a partir de 1989. O seu derradeiro texto escribiuno uns días antes de morrer, no cuarto do hospital no que estaba ingresado.
En realidade, Manuel María [Outeiro de Rei 1929, A Coruña 2004] estivo a punto de ser un profesional dos medios e non precisamente dos medios escritos. Empezou a súa traxectoria ao acabar o servizo militar, nas instalacións de Radio Lugo. Alí deixou patente, por uns meses, a eficacia da súa voz, profunda e ao tempo acarreiradora, facultade que aproveitaría logo nos seus multitudinarios recitais. Porén, aínda que a radio o atraía, o traballo na emisora de Lugo desagradáballe porque ademais de ler a publicidade ante o micrófono tamén debía antes buscala polos comercios. El non servía para iso. Deixouno e presentouse aos exames de procurador de tribunais por consello de Celso Emilio Ferreiro, procurador tamén. Tampouco é que aquela profesión lle gustase demasiado, pero necesitaba un soldo [unha garantía de estabilidade económica] se quería casar con Saleta Goy, rapaza á que acababa de coñecer. Namorárase dela dun xeito irreversible. Despois de aprobar os exames, aínda andou somerxido nas dúbidas: non se decidía polo lugar onde coller praza. Nese tránsito, coñeceu na cerimonia dos xogos florais de Lugo [1957] a César Quiroga, un falanxista leonés que acababan de destinar a Monforte para poñer en marcha a radio local. A conexión entre ambos foi inmediata. Manuel explicoulle a situación na que se atopaba e César Quiroga, con resolución cómplice, aconselloulle instalarse en Monforte de Lemos, onde el se comprometeu a buscarlle un traballo de mestre nunha academia e a darlle cabida como colaborador na emisora. Unha semana despois, entusiasmado co seu novo amigo, César Quiroga propúxolle ser o xefe de programas de La Voz de Vigo, unha frecuencia a punto de inaugurarse dentro da Cadea de Emisoras Sindicais (CES). Manuel aceptou de inmediato, tanto polo gorentoso soldo [6.000 pesetas] como polo feito de instalarse en Vigo, onde residía Celso Emilio Ferreiro, poeta ao que el e Saleta admiraban de xeito sobranceiro e co que mantiñan unha estreita amizade. Ao final, porén, Manuel debeu rexeitar a oferta porque lle esixían sacar o carné do Movemento e iso era algo ao que non estaba disposto. É entón cando se traslada a Monforte [setembro de 1958]. Alí, ademais de procurador e mestre na academia Balmes [foino ata 1970], colabora de xeito habitual coa radio da cidade, tamén pertencente á CES. Durante varios anos encárgase da área de libros e literatura.
A súa relación coa prensa escrita será especialmente intensa a partir dos anos setenta, en que se funda A Nosa Terra. O semanario dirixíao inicialmente Margarita Ledo Andión [persoa moi próxima ao poeta] e estaba impulsado, ademais, pola Unión do Pobo Galego (UPG), partido no que el militaba desde a súa formación [abandonouno en 1985]. Cada semana, baixo o alcume de Manuel Hortas Vilanova, entregaba un artigo que, en certo modo, funcionaba como un editorial no que el avaliaba situacións puntuais e propuña como corrixilas. Noventa destes artigos foron escolmados por Pilar García Negro e Miguel Mato Fondo en Andando a terra (1990), volume que reúne traballos “puramente literarios: os que tratan de Galicia e das viaxes ao estranxeiro”, se ben el botaba en falta “a serie dedicada aos tipos pintorescos de Monforte, Ourense, Compostela, Outeiro de Rei e Lugo”, segundo subliña no libro Conversas con Manuel María, de Xosé Manuel del Caño. O poeta posuía [segundo salientou Darío Xohán Cabana na súa Nota necrolóxica do Boletín da RAG] “unha capacidade case milagrosa de conversar e facerse querer polos que chamaba toliños, os diminuídos psíquicos que adoraban a aquel señor tan intelixente que os trataba de igual a igual, e non por deliberación, senón dun xeito que lle era natural e espontáneo”.
No primeiro artigo de A Nosa Terra [no número cero] fala de Betanzos, ao que lle seguirán O pintoresco Grupo Poético Amanecer da Coruña [vinculado ao Frente de Juventudes da Falanxe], as Penas Rodas de Outeiro de Rei ou as pinturas murais de Seteventos, nas Terras de Lemos. Estes traballos inciais son fiel reflexo dos ámbitos temáticos nos que o escritor se vai mover ao longo das décadas seguintes: a descrición das múltiples facianas de Galicia, as pegadas das forzas colonizadoras, o paraíso da Terra Cha e as vivencias de Monforte de Lemos, na que escribiu a maior parte da súa obra. Non faltarán algunhas análises políticas e, por suposto, a súa radical defensa do galego como lingua propia, garante do futuro da nación e testemuño do seu pasado.
Manuel [asegura o periodista Alfonso Eiré, director de A Nosa Terra] estaba dotado para o periodismo: posuía a ansia de loitar contra esquecemento, as habelencias do comunicador e o afán de facerse entender [“Non escribía desde unha torre de marfil”]. Outra das cualidades que tiña era “achegar o dato preciso”. A importancia que lle daba aos medios de comunicación queda patente no seu compromiso co semanario, do que foi un dos 11 accionistas fundadores e un elemento activo na posta en marcha do proxecto. O escritor, engade Eiré, “está presente nas reunións e a súa achega á hora de fixar a lingua apropiada aos distintos campos é fundamental, como o é a súa visión do que deben ser as páxinas do Guieiro” cultural.
No exercicio do periodismo, tiña dúas teimas. Unha era escribir para que o entendesen todos, “os parvos e os listos: Non é máis listo o que escrebe máis hermético, senón macis vaidoso” [lembra Eiré que lle dicía]. Como mostra desta obsesión, conta unha anécdota: no outono do 1977, os redactores do semanario e mais el discutían os termos correctos a empregar nas crónicas deportivas. “O Manuel”, explica Eiré, “dicíalle ao Darío Xoán Cabana, que non había que retorcer moito os miolos, só é cuestión de ter presente aos brasileiros e escoitar como falan nas tabernas. Ao Manuel chegáballe a hora de comer, puntual coma sempre para estas cousas, e propuxo dar por rematada a reunión para ir comer un cocido a Palas [porque], alí, na fonda do Xosé da Curva, se fala moito e moi ben de fútbol”.
A outra teima pasaba pola recuperación da memoria: “este periódico”, proclamaba Manuel sobre a orientación de A Nosa Terra, “ten que servir para todo. Pero non poderemos facelo se non o asentamos na base sólida do noso pasado. Para facelo, temos que buscar nos propios nosos cimentos, rescatar as nosas pedras baselares do esquecemento”. A súa sección Andando A Terra converteuse, en palabras de Eiré, nun instrumento de recuperación da memoria histórica e nunha crónica do propio país “a través da Contemporaneidade dos homes e da terra. […] É esta, sen dúbida, unha das obras literarias cumio de Manuel María, comparábel pola súa calidade cos mellores artigos xornalísticos de García Márquez, aínda que Manuel afirme que tratou de escribir co mínimo peso literario, coma quen fala, facendo unha crónica de impresións moi subxectivas”.
En El Correo Gallego [con artigos que contaban xa cunha remuneración económica], Manuel María amplía os seus campos de interese e requinta a súa linguaxe xornalística, se ben os seus temas predilectos seguirán inalterables: a normalización lingüística, o colonialismo español, as nostalxias da Terra Cha e as vivencias cotiás na comarca lemava. Non faltan as críticas frecuentes á Academia Galega, como fixo no seu primeiro artigo para o rotativo compostelán, dirixido por outro monfortino co que o escritor compartira micrófono en Radio Monforte, Xosé Manuel Rey Nóvoa. E é que, en contra do que podería pensarse, nos seus traballos para El Correo Gallego a súa posición política non resulta menos evidente que nos aparecidos en A Nosa Terra.
Cos artigos publicados en ambas cabeceiras, a Casa Museo do escritor acaba de publicar unha antoloxía de 56 textos [preparada por Xosé M. Pérez Álvarez e Fran Rei García] que abrangue a súa produción entre 1977 e o 2004. A temática predominante, apuntan os encargados da edición, é “unha Galiza que o escritor trata desde múltiples perspectivas, desde a económica, histórica, cultural, política e literaria até a festiva ou a paisaxística, vinculando a identidade propia do país coa historia e a cultura universal. Dentro desta temática, […] é de salientar o leit-motiv do 25 de xullo, Día da Patria, posiblemente o asunto ao que lle ten dedicado un maior número de artigos”.
Trátase, en palabras do propio Manuel María, dun “afervorizado, esperanzado e unitario clamor de amor Galicia”, pero tamén dun “irreprimíbel berro de amor desesperado: Algo así como un ouveo solitario no medio da escura noite”.
Texto: Antón Lopo
Imaxes: Casa Museo Manuel María