Unidade didáctica

Unidade DidácticaPDFprint

Manuel María [escritor ao que neste 2016 se lle dedica o Día das Letras Galegas] comezou en 1949 a colaborar coa prensa, unha liña da súa produción literaria que non se interrompeu ata un mes antes da súa morte, no 2004. Aínda que asinou para distintas cabeceiras do país [entre elas o mítico vespertino compostelán La Noche, un dos escasos espazos públicos para o galeguismo durante o franquismo], a súa relación máis extensa produciuse co semanario A Nosa Terra [de 1977 a 1988 co alcume M. Hortas Vilanova] e El Correo Gallego [a partir de 1989]. Son centos os artigos que Manuel María publicou ao longo dos anos sobre os máis variados temas, se ben prestou especial atención á conservación do idioma propio, ás distintas paisaxes do país ou a personaxes singulares da historia e a actualidade de Galicia. Algúns destes artigos foron reunidos nos volumes Andando a terra [A Nosa Terra, 1990] e Memoria de terra [Fundación Manuel María, 2015]. Esta unidade didáctica pretende, precisamente, poñer de relevo a obra xornalísticas do escritor ao tempo que se busca familiarizar o alumnado co periodismo.

 

1.Obxectivos

  • Valorar e singularizar a actividade periodística de Manuel María no conxunto da súa obra.
  • Distinguir os diferentes xéneros periodísticos e os seus formatos, así como os mecanismos da subxectividade e da obxectividade.
  • Familiarizarse coa organización e os contidos dos xornais.

 

2.Contidos

 

2.1.Contidos conceptuaisfotosmanuelmaria_02041

  • Do periodismo á Procesos históricos e elementos conceptuais.
  • Do periodismo de información ao periodismo de opinió A subxectividade versus a información.

 

2.2.Contidos procedimentais

  • Definición de periodismo de opinión dentro dos xéneros periodí
  • Recoñecemento de noticia, crónica, entrevista, reportaxe, artigo de opinión e editorial.
  • Distinción de subxectividade e obxectividade.

 

2.3.Contidos actitudinais

  • Interese por coñecer a dimensión do periodismo na sociedade actual.
  • Clasificación dos conceptos básicos da comprensión periodística.
  • Rigorosidade e precisión na reflexión e definición conceptual, ética e política.

 

2.4.Relación do tema cos currículos educativos

-Relación cos principais contidos doutras materias concorrentes, dependendo do nivel de estudos do alumnado (ESO ou Bacharelato), así como da orientación que seguisen nas materias de modalidade (formación especifica) e nas materias optativas (complementarias da formación).

 

2.5.Contidos transversais. Interdisciplinariedade

Os valores transversais desta unidade, na que se traballa unha aproximación ao periodismo no conxunto da obra de Manuel María e, tamén, ao periodismo mesmo, son:

  • A educación ética e cívica, na medida en que tratamos de achegarnos á verdade como resultado dunha relación empírica coa realidade. Abránguense, deste xeito, problemas da natureza, da educación mesma, da historia, da cultura ou da física, entre outras…
  • Establecer redes de traballo coa Historia de Galicia e Universal, a Historia da Arte, a Lingua galega e a Literatura, a Ética e a Filosofía.

 

2.7.Relación coas competencias básicas

  • Competencia da comunicación lingüística. Traballarase através do coñecemento da terminoloxía (básica) periodística.
  • Competencia no tratamento da información e competencia dixital. Elaborarase mediante o exercicio de creación informativa e a introdución nos medios periodísticos dixitais.
  • Competencia social e cidadá. Terase en conta através da valoración do periodismo como un dos exercicios da democracia.
  • Competencia en autonomía e iniciativa persoal. Formularase mediante a distinción da obxectividade e a subxectividade como ferramentas do ser humano para a transmisión da súa comprensión da realidade.

 

3.Metodoloxía e procedementos

3.1 Actividade de partida

O profesorado pode elixir calquera dos artigos que están pendurados na web do Colexio do Xornalistas, ou tamén os publicados nas escolmas Andando a terra e Memoria da terra. O idóneo, con todo, sería recuperar un artigo no seu formato orixinal periodístico. En calquera caso, esta unidade propón un artigo mestre como proposta inicial, titulado Contra o ritualismo. Este artigo tamén lle permitiría ao alumnado traballar arredor do concepto de Letras Galegas.

Contra o ritualismo

Somos partidarios do rito mais non do ritualismo, do mesmo xeito que defendemos o sentiento en contra do sentimentalismo. O rito, como o sentimento, son necesarios para a vida humana e, polo tanto, positivos. Ritualismo ou sentimentalismo resultan formas dexeneradas, baleiras, negativas e inútiles.

As Letras Galegas, por exemplo, xa se converteron nun rito en que os galegos debemos participar. Este rito desgrazadamente está sendo un ritualismo penoso. Á nosa lembranza acoden s versos de Rubén Darío adicados a don Quijote -“Quijote” e non “Quixote”- que din así:

 

soportas elogios, memorias, discursos;

resistes certámenes, tarjetas, concursos

y, teniendo a Orfeo, tienes Orfeón.

 

Iso mesmo lle acontece á figura que é honrada no Día das Letras Galegas. Xeralmente, chegado o mes do florido maio, escolas, institutos, agrupacións culturais, concellos, deputacións, asociacións de veciños, de oleiros, de zapateiros, de troiteitos, de comelláns, de grandes, de pequenos, de canto hai e non hai, despachan o evento cun discurso sobre o personaxe e, ás veces, acompáñano doutras alegrías e frivolidades, e até o ano que vén. Todos tan felices porque nós xa cumprimos. O resto do ano a obedecer cegamente aos nosos domesticadores. Esta conduta, ao noso xuízo, adquire unha especial e patética gravidade en moitos centros de ensino. Deixan esta celebración para maio, que vai bo tempo e os alumnos xa están obsesionados cos exames finais e co remate do curso. Centros de ensino que contratan un conferencista, máis ou menos competente, para que lles ceibe aos rapaces unha perprata e logo “usté lo pase bien”. POucos alumnos se enteirarán de algo. Que xeito tan absurdo de gastar esforzo e tempo!

En todos os centros de ensino de Galiza, entendemos que as actividades das Letras Galegas tiñan que comezar co curso académico. Facer como mínimo, durante o curso, unha actividade quincenal, estudando o personaxe homenaxeado, época, datos biográficos e sobre todo lendo e comentando a súa obra. Este, sen dúbida, é o xeito de que a xuventude vaia coñecendo o personaxe que se intenta honrar. E deicar en paz ao laumnado con este tema no mes de maio. O día 17, se quixeren, que asistan ao ritualismo oficial. A celebración das Letras Galegas ten de ser algo máis que o día da augardente, do caldo de ósos, da bica, do lacón con ou sen grelos ou dos biosbardos á vinagreta. Tal como se fan as cousas neste país, compadecemos a personalidade designada -por esa academia que sabemos- para honrala polas Letras Galegas. Volvemos aos versos de Rubén Darío. E con eles nos quedamos:

 

de las epidemias, de horribles blasfemiasManuel María

de las Academias

¡líbranos, Señor!

De los rudos malsines,

falsos paladines,

y espíritus finos y blandos y ruines,

del hampa que sacia

su canallocracia

con burlar la gloria, la vida, el honor,

del puñal con gracia,

¡líbranos, Señor!

[El Correo Gallego, “Opinión”, 17/5/1996]1

 

  • Comentario do texto, tanto lingüístico como literario e periodí Análise (segundo o nivel do alumnado) dos procedementos estilísticos, epistemolóxicos e operativos que utiliza o autor.
  • Distinguir o xénero periodístico dentro doutros xéneros narrativos cultivados polo autor, como o ensaio ou a narració Suxírese a lectura dalgunha das tres noveliñas curtas incluídas no volume As ribeiras son escuras [As augas van caudais, O xornaleiro e Os alugados] e do seu pequeno ensaio Notas encol da poesía de Fermín Bouza Brey. ¿Existe diferencia entre as técnicas do artigo e as que emprega na narración? ¿Que posición toma o autor en cada un deses traballos?

 

3) No artigo que se propón nesta unidade, pódese traballar cos coceptos que o autor plasma: ¿cal é a súa posición respecto do Día das Letras Galegas? ¿Que opina das academias? ¿En que ano entrou Manuel María na Academia Galega? ¿Sobre que versou o seu discurso?

4) Distinguir os xéneros periodísticos a partir da súa división tradicional [informativo -noticia, reportaxe, documentación e, no seu caso, a entrevista-, de opinión -o editorial e o artigo de opinión- e o interpretativo -a crónica e, no seu caso, a entrevista e a reportaxe-]. Definir cada un dos apartados e diferencialos.

5) ¿A que xénero cres que pertence o artigo de Manuel María Contra o ritualismo?

6) ¿É un texto subxectivo ou obxectivo? Distincións entre subxectividade e obxectividade. Buscar os seus significados no diccionario (virtual ou físico). ¿Que é subxectivo? ¿Que é obxectivo?

7) Converter o artigo de Manuel María nunha entrevista, onde un alumno ou alumna faga de entrevistador/a e outro/a de entrevistado/a.

8) Converter o artigo de Manuel María nunha información obxectiva.

9) Facer unha poesía a partir do material que emprega Manuel María.

 

3.2.Actividade de desenvolvemento

1) Utilizar un periódico físico e distinguir as diferentes seccións en que se divide o exemplar. Comparar as seccións dun xornal determinado coas de outro e razoar as distintas formas de organización de cada cabeceira dependendo da súa orientación ou da localización xeográfica [perspectiva local ou nacional, feito en Vigo, en Madrid ou en Lisboa].

2) ¿En que espazo do periódico estaría publicado o artigo de Manuel María? [buscar e razoar a sección na que podería aparecer o artigo].

3) Distinguir nas páxinas do xornal o que é unha entrevista, unha crónica, unha reportaxe, unha información e unha opinión.

4) Buscar na rede diferentes xornais dixitais e facer unha comparación entre a organización dos xornais físicos e os dixitais. ¿Hai diferencia entre o lugar que ocupan os artigos de opinión nos xornais dixitais e nos físicos? ¿Existen diferencias en como se organiza un xornal dixital e un xornal físico? ¿Existen seccións no xornal dixital ou, pola contra, as informacións se organizan por outro rango?

5) Buscar [a fonte máis directa é sen dúbida a rede] outros artigos de opinión sobre o Día das Letras Galegas. Confrontar os contidos destes artigos co de Manuel María.

 

3.3.Actividades de síntese

1) O alumnado elaborará unha disertación que amose as súas capacidades para xustificar con argumentos consistentes as opinións propias e defendelas. O tema de partida será [de traballar co artigo suxerido nesta unidade] o Día das Letras Galegas.

2) Trasladar a disertación á escrita, nun artigo que teña un determinado número de palabras [propoñemos un máximo de 200].

3) Ler na aula os artigos como punto de partida para debater sobre as celebracións do Día das Letras e os diferentes puntos de vista que presente o alumnado.

 

4.Temporalización e secuencialización

Unidade enmarcada nas actividades relacionadas co Día das Letras Galegas nun total de tres sesións.

1ª Sesión: Lectura e comentario do artigo de Manuel María. Achegamento aos xéneros e seccións dun xornal en papel. Familiarización cos procesos de elaboración dunha información.

2ª Sesión: Aproximación aos xornais físicos e navegación através da web por un xornal dixital. Diferencias e similitudes entre ambos. Distinción entre cabeceiras pola situación xeográfica da súa editorial ou a súa orientación.

3ª Sesión: Posta en práctica dos coñecementos obtidos mediante a elaboración dunha disertación e dun artigo de opinión. Debate na aula sobre os diferentes puntos de vista que se presenten e sobre o eixo temático do artigo de Manuel María elixido.

 

5.Criterios de avaliación

- Confrontar se se entenden os vínculos do xénero periodístico coa Literatura narrativa no caso de Manuel María.

- Asegurarse de que se recoñecen as diferencias entre os distintos xéneros periodísticos, así como as seccións dun periódico.

- Comprobar que se distingue entre a obxectividade e a subxectividade, entre a noticia e a opinión.

 

6.Tics. Recursos didácticos xerais das novas tecnoloxías.

  • Familiaridade coas ferramentas de internet.
  • Contacto cos medios de comunicación dixitais.

 

 

Esta unidade didáctica foi realizada polo xornalista e colexiado Antón Lopo por encargo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.