Xornalismo nas Letras

Xornalismo nas Letras

Letras galegas: o periodismo como forma de vida

 

Desde os primeiros momentos do Rexurdimento, o galeguismo atopou nos medios de comunicación un vehículo idóneo onde fermentar e difundir as súas ideas sobre a identidade da nación e o seu desenvolvemento económico. Non houbo practicamente ningún escritor vinculado a este movemento reivindicativo que non colaborase, dun xeito ou doutro, nos periódicos máis ou menos abertos á causa, nunha tradición que arrinca no século XIX e se prolonga ata os nosos días. Seis son as cabeceiras históricas de referencia no país, a máis emocional sen dúbida O Tío Marcos da Portela, o primeiro xornal en galego: fundouno en Ourense (1876) Valentín Lamas Carvajal e nel colaboraron os escritores ou activistas contemporáneos, mesmo Xoán Manuel Pintos ou Marcial Valladares, autores por outra parte de vínculo débil cos medios. Tivo case unha década de vida e unha tiraxe superior aos catro mil exemplares.

A_Nosa_Terra,_1916_2 A Nosa Terra [fundada na Coruña no 1907 e derruída polo golpe de estado do 36] foi a partir de 1916 o órgano de expresión das Irmandades da Fala e, logo, do Partido Galeguista. Chegou a ter 2.000 subscritores. Antón Villar Ponte ou Alexandre Bóveda foron os seus directores máis representativos. Polas súas páxinas, testemuñas das crises e debates que rodearon a peripecia histórica do Partido Galeguista, non houbo ninguén interesado no proceso de identificación que non deixase a súa pegada, desde Castelao e Blanco Torres a Alexandre Bóveda, pasando por Manuel Antonio, Xoán Vicente Viqueira, Amado Carballo, López Abente, Losada Diéguez, Filgueira Valverde ou Ramón Cabanillas.

O xornal Galicia [que dirixiu Valentín Paz Andrade entre 1922 e 1926], tivo unha vida breve pero a cerna do seu proxecto converteuno nun dos mellores da historia do país. O Galicia, explicaba Paz Andrade, “non foi só novidade por todas as cousas que comentamos [unha editorial, a caricatura de Castelao e o humor] senón polo contido. Nós empezamos a publicar as páxinas literarias, empezamos coa crítica musical, había incluso un cronista obreiro”. Xan Carballa, na súa biografía sobre o director do xornal, subliña que o Galicia “padeceu o debate da censura e a ditadura de Primo Rivera. […] Paz Andrade mesmo acabou no cárcere por polemizar co xeneral Rodríguez del Barrio, que nas páxinas de El Pueblo Gallego defendía a prioridade das conexións ferroviarias de Galiza con Madrid [mentres] Paz Andrade nas posibilidades dun ferrocarril por Lugo até Francia, como mellor garantía de futuro para a economía galega”. Nos anos da transición, subliña Carballa, houbo un intento de refundación do xornal que non chegou a fraguar “por discrepancia interna entre os sectores do galeguismo histórico, a pouca confianza nas posibilidades de futuro que o propio Paz Andrade vía na tentativa ou tamén pola morte prematura de Lorenzo Varela, que era o posible director”.

El Pueblo Gallego foi outra das cabeceiras fundamentais para os escritores e intelectuais galeguistas. Fundado en 1924 pero adquirido en 1927 por Manuel Portela Valladares [un liberal de Pontevedra que chegou a ser presidente da II República], esta cabeceira acolleu as sinaturas de Suárez Picallo, Pedrayo, Johán Carballeira, Alonso Ríos, Castelao ou Fernández Mazas, entre outros moitos. Acadou, mesmo, os 30.000 exemplares de difusión. Esta etapa acabou coa súa incautación por parte das autoridades da ditadura. La Noche era o irmán vespertino de El Correo gallego, que se editou entre 1946 e 1967. Dirixido por Raimundo García Domínguez Borobó, La Noche converteuse no agocho do galeguismo que quedara no exilio interior e abriu as súas páxinas a nomes Couceiro Freijomil, Bouza Brey, Varela Jacome, Cunqueiro, Manuel María ou Antón Fraguas. Salvador de Lorenzana [alcume de Francisco Fernández del Riego] e Xaime Isla Couto dirixiron o suplemento do sábado, de liña netamente galeguista.

Porén, a publicación por excelencia do galeguismo foi a revista Nós, impulsada por Risco con Castelao como director artístico e Ánxel Casal como editor. Publicada entre 1920 e 1936 [coa interrupción a que obrigou a ditadura de Primo de Rivera]. Aínda que era un espazo nacionalista [hai que ter en conta que daquela ata Xosé Filgueira Valverde era un radical entusiasta], Nós tivo como contidos propios a Literatura e a Historia, a Lingüística e a etnografía. As súas páxinas supoñen o máis amplo catálogo de creadores e intelectuais do galeguismo na ebulición apaixonada da República, con conexións directas entre a revista e o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista ou as Irmandades da Fala. A impronta de Castelao na portada e no deseño confírelle ademais unha personalidade propia que acabou fundíndose coa Cultura popular do país.

Aínda que os periódicos serviron de soporte preferencial na difusión cultural e ideolóxica, houbo co avanzar do século XX unha ampliación significativa de rexistros. A radio, por exemplo, foi un medio que Manuel María combinou cos xornais, mentres Uxío Novoneyra [ademais de colaborar nas páxinas da Revista das Letras] lograba abrirse un espazo simbólico durante os anos sesenta na Televisión Española co seu espazo de poesía. E é que boa parte dos escritores homenaxeados no Día das Letras mantiveron, ao longo da súa vida, un estreito contacto cos medios: uns con colaboracións esporádicas, outros periódicas e moitos [Cunqueiro, Carvajal, Paz Andrade, Blanco Amor, Lorenzo Varela, Amado Carballo ou Villar Ponte] como medio de vida.

 

 

Xosé_Filgueira_Valverde,_1931 2015 Xosé Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde [Pontevedra 1906-1996] deixou o mellor da súa prosa en centos de artigos que estrou por diversos periódicos galegos. Posteriormente, reuniu estes artigos na súa obra cimeira, os nove volumes dos Adral, publicados por Edicións do Castro entre 1979 e 1996. Fundador do Partido Galeguista, director do Museo do Pontevedra, presidente do Consello da Cultura e albacea do patrimonio galego no réxime de Franco, Filgueira foi deputado en Cortes e alcalde de Pontevedra durante a ditadura.

 

2012 Valentín Paz Andradevalentinpazandrade

Valentín Paz Andrade [Lérez 1898, Vigo 1987] é unha das figuras máis complexas do galeguismo, amigo próximo de Castelao, comprometido coa República, castigado pola ditadura franquista, poeta de longo alento, periodista, ensaísta e impulsor de Pescanova. Colaborou desde moi novo coas medios escritos e foi clave para que o xornal El Pueblo Gallego de Portela Valladares apoiase o Estatuto do 36 [el escribiulle as editoriais]. Dirixiu nos anos vinte o lendario xornal Galicia [con deseños de Castelao] e o seu nome séguese en cabeceiras como El Sol, La Noche, Faro de Vigo ou El País.

 

2005 Manuel Lorenzo Varela

Lorenzo Varela [A Habana 1916, Madrid 1975] desenvolveu a práctica totalidade da súa obra literaria no exilio. A súa vertente xornalística inclúe colaboracións en El Sol e logo, durante a guerra civil, artigos en publicacións de resistencia como El mono azul, Hora de España ou Ahora. Tras padecer os campos de concentración franceses, marchou a México e, posteriormente á Arxentina. En México colaborou coas revistas Romance e Taller, dirixida por Octavio Paz. Na Arxentina, a súa actividade nos medios sería maior. Funda con Seoane a revista Correo literario, asina traballos na revista Sur de Victoria Ocampo e lanza o proxecto da revista Cabalgata. Tamén traballou de redactor do xornal La Razón de Bos Aires. El ía ser o director do xornal Galicia que estivo a punto de crearse na Transición.

 

Eladio_Rodríguez_González 2001 Eladio Rodríguez González

Eladio Rodríguez [Leiro 1864, A Coruña 1949] combinou a actividade periodística co activismo cultural e a lexicografía: é o autor do primeiro Dicionario enciclopédico gallego-castellano. Traballou para conseguir unha linguaxe literaria galega expurgada de pexas castelás. Colaborou con Revista Gallega, A Nosa Terra ou con O Tío Marcos da Portela, ademais de dirixir La Mañana e o suplemento cultural Nós de El Noroeste. Fundou a Asociación da Prensa coruñesa.

 

 

1999 Roberto Blanco Torres

Roberto Blanco Torres [Cuntis 1891, Entrimo 1936) representa o xornalista comprometido co seu tempo que o fascismo eliminou nos primeiros días do golpe de estado. O tres de outubro de 1936 asasinárono en Entrimo e enterrárono nunha foxa común. Colaborou con Vida Gallega e A Nosa Terra, ata dirixir El Correo Gallego [1920] e La Zarpa en 1923, ano no que pasa a redactor xefe do Diario de Vigo e, durante un tempo, de El Pueblo Gallego. Tamén dirixiu La República de Ourense e El País de Pontevedra. Como poeta, publicou Orballo de media noite [1929]. Foi gobernador civil de Palencia.

 

1997 Ánxel Fole

Ánxel Fole [Lugo 1903-1986] é un dos máis aprezados e admirados narradores galegos. Publicou o seu primeiro artigo xornalístico en 1927 e uns anos despois, en 1931, inaugurou en El Progreso a sección Cartafolio de Lugo, unha das máis lonxevas da prensa galega. En 1933, entrou de redactor en El Pueblo Gallego, onde utiliza xa o galego. Tamén foi correspondente en Lugo da axencia de noticias Febus, antecedente de EFE. Como narrador é autor de títulos como Á lus do candil (1953) ou Terra Brava (1955), ademais de impulsor das revistas literarias Resol e Yunque.

 

1994 Luís Seone Luis Seoane

Luís Seoane [Bos Aires 1910, A Coruña 1979] foi o grande activista do galeguismo no exilio, pintor vangardista de grande repercusión na Arxentina, escritor e artífice de empresas como Sargadelos ou do primeiro Museo de Arte Contemporánea do país. Nacido na emigración, instalouse en Galicia no 1916. Tras o golpe de estado do 36, tivo que exiliarse e volveu á súa Arxentina natal. Promoveu revistas como Cuco-ReiGalicia Libre ou Galicia Emigrante, que anos despois se convertería en programa radiofónico. Regresou a Galicia en 1963 e creou o Laboratorio de Formas, xunto a Isaac Díaz Pardo.

 

1993 Eduardo Blanco Amor

Eduardo Blanco Amor [Ourense 1897, Vigo 1979] é o autor da máis recoñecida novela galega, A Esmorga (1959) e un periodista de grande proxeción exterior. A súa relación cos xornais comeza aos 17 anos, cando é secretario de redacción de El Diario de Ourense. Emigra en 1919 a Bos Aires e funda alí o xornal da Federación de Sociedades Galegas, El Despertar Gallego, do que tamén foi director. Posteriormente, funda Terra e entra no prestixioso rotativo bonaerense La Nación, o cal non lle impide seguir colaborando con publicacións como Céltiga ou Correo de Galicia. Como correspondente de La Nación visita varias veces España.

 

1991 Álvaro Cunqueiro AlvaroCunqueiro

Álvaro Cunqueiro [Mondoñedo 1911, Vigo 1981] está considerado un dos grandes renovadores da narrativa galega da posguerra con títulos como Merlín e familia ou As crónicas do Sochantre. Xornalista de profesión, colaborou coa Falanxe despois de 1936, o cal lle permitiu entrar en 1937 en El Pueblo Gallego de Vigo e converterse no xefe territorial do partido en Galicia. A súa traxectoria continúa en La Voz de España de Donostia ou o ABC de Madrid. Afastado xa en certo modo do franquismo, dirixiu Faro de Vigo entre 1964 e 1970. Tamén publicou teatro [O incerto señor don Hamlet] e poesía [Herba aquí e acolá].

 

CelsoEmilioFerreiro 1989 Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro [Celanova 1912, Vigo 1979] escribiu os versos máis celebrados da poesía social galega e a súa Longa noite de pedra (1962) segue a ser hoxe un símbolo do combate intelectual contra a ditadura. Aínda que colaborou nos anos corenta con xornais como Faro de Vigo, a súa relación co periodismo alicérzase a partir de 1973, tras volver da emigración en Caracas. Ademais de ser redactor e corrector de estilo de Tribuna Médica, deixou un amplo número de artigos estrados polas máis diversas publicacións.

 

1988 Ramón Otero Pedrayo Ramón Otero Pedrayo

Otero Pedrayo [Ourense 1888, Trasalba 1976] foi un dos referentes éticos do exilio interior durante a ditadura franquista. Considerado un dos construtores da narrativa moderna [Arredor de si (1930) é o seu título emblemático] e un dos intelectuais que forxaron coas súas ideas o galeguismo, Otero Pedrayo colaborou desde novo nos xornais, onde deixou unha abondosa produción como articulista. Entre as cabeceiras nas que deixou a pegada do seu inxenio, figuran La Centuria, A Nosa Terra, El Pueblo Gallego, La Región ou La Noche.

 

1982 Luís Amado Carballo Amado_Carballo,_Luís

Luís Amado Carballo [Pontevedra 1901-1927] influíu de maneira decisiva coa súa obra nos poetas da xeración Nós e da posguerra. Na súa curta vida, exerceu de xornalista en Madrid, onde colaborou co xornal La Tribuna e a revista España. Ao regresar a Pontevedra (1922), funda a revista Alborada e escribe para A Nosa Terra, El Pueblo Gallego e Vida Gallega, entre outras publicacións. En 1927, edita o seu emblemático poemario Proel, ao que seguiu o póstumo O galo.

 

1981 Vicente Risco Vicente_Risco

Vicente Risco [Ourense 1884-1963] é un dos homes máis controvertidos do galeguismo, católico femente, admirador do nazismo e teórico nacionalista de grande habelencia. Desde novo, colaborou coa prensa, en especial El Miño e, posteriormente, en La Región, ambos de Ourense, aínda que os seus traballos máis célebres son as crónicas que lle foi mandando a A Nosa terra durante un curso de etnografía que realizou en Berlín (1930), recollidas logo en Mitteleuropa. Tras o golpe de Estado do 36, que apoiou, escribiu en castelán. Colaborou con varios medios, entre eles Pueblo. A súa novela máis recoñecida é O porco de pé (1925).

 

1977 Antón Villar Ponte

Antón Villar Ponte [Viveiro 1881, A Coruña 1936] traballou toda a súa vida de periodista. Comezou colaborando con El Combate, en Compostela. O seu traballo de inspiración anticaciquil levouno ás páxinas de ¡Guau, guau! e Revista Gallega, para logo trasladarse a Madrid e escribir para El País. Emigrou á Habana, onde dirixiu o Diario Español. Á súa volta, escribe para La Voz de Galicia, tribuna desde a que defenderá o idioma galego e a idea de Galicia como nación. Presidiu a Asociación de Prensa coruñesa e dirixiu A Nosa Terra. Fundou a ORGA xunto a Casares Quiroga.

 

1972 Valentín Lamas Carvajal

Valentín Lamas Carvajal [Ourense 1849-1906] non só foi un dos fundadores da Academia Galega senón tamén impulsor do primeiro xornal en galego, O Tío Marcos da Portela, [Ourense 1876-1890], cunha liña anticaciquil e de defensa dos intereses dos labregos. Desenvolveu un intenso labor como periodística: dirixiu a revista La Aurora de Galicia, o xornal El Eco de Ourense e El Heraldo Gallego. Escribiu tamén poesía [Espiñas, follas e flores é de 1875] e prosa. O seu libro máis famoso é Catecismo do labrego [1889].

 

1967 Manuel Curros Enríquez Curros_Enriquez

Manuel Curros Enríquez [Celanova 1851, A Habana 1908] é o gran poeta cívico do Rexurdimento, autor da esmagante peza anticlerical Aires da miña terra. Masón, republicano e progresista, Curros atopou no periodismo un vehículo para a transformación da conciencia nacional e social de Galicia. Foi xefe de redacción de El País de Madrid e redactor de El porvenir. O máis brillante da súa traxectoria periodística, porén, desenvolveuno en Cuba, onde emigrou en 1894. Alí, dirixiu La Tierra Gallega, ao tempo que colaborou en varias cabeceiras.

 

1964 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Castelao [Rianxo 1886, Bos Aires 1950] é o gran ideólogo do nacionalismo galego, autor do texto fundacional Sempre en Galiza (1944), e renovador radical da indagación social cos seus debuxos. En Vida Gallega publicou os seus primeiros traballos aínda que a súa presenza xornalística foi moito máis intensa nas páxinas de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala e, logo, do Partido Galeguista. Durante o desterro que padeceu (1933-34) escribiu para este periódico, baixo o título Verbas de chumbo, un conxunto de artigos que se incluirían no Sempre en Galiza. O seu labor como director artístico deulle á revista Nós unha personalidade propia. Tamén acuñou o novo estilo de humor gráfico que caracterizou ao xornal Galicia.

CastelaoRecepción de Castelao, pola esquerda segundo sentado, na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.

Cuarto sentado, Antón Vilar Ponte.