Biografía

Biografía

Manuel María, poesía para ver a transrealidade

 

Manuel María [1929-2004] foi un dos poetas galegos máis populares do século XX. Os seus versos [directos e espidos, con rimas coloristas ou versículos combativos] sobardaron o ámbito estritamente literario e convertéronse nun símbolo da loita contra a ditaduraManuel_María_esculturaMonforte A Nova Canción Galega encontrou nel unha fonte de inspiración eficaz, os nenos descubriron a poesía en galego nos seus libros infantís, certos sectores nacionalistas albiscaron na súa figura unha reencarnación do bardo e o pobo -en xeral- recoñeceuse na súa expresión. Con máis de cincuenta poemarios [boa parte deles editados no estranxeiro por problemas coa censura], a súa obra é tan prolífica como heteroxénea: hai libros existencialistas [Muiñeiro de brétemas (1950)], outros de relixiosidade incandescente [Libro de pregos (1962)], algún título de especulación metaliteraria [Escolma da Terra Cha (1982)], numerosos de impronta social [Poemas para construír unha patria (1977)] e outros de clasicismo exultante [A primavera de Venus (1993)]. Ademais dunha abondosa escrita teatral, Manuel María foi [segundo Xosé Luís Méndez Ferrín] un “precursor e adiantado” da narración: “antes ca Cunqueiro, antes ca Fole, antes ca min, e falo de min unanimemente por ser o home que teño máis a man, antes ca Blanco Amor que veu despois de Mourullo por moito que moitos non se decaten, el publicou relatos en lingua galega despois da Guerra Civil”.

fotosmanuelmaria_00928

 

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei [comarca da Terra Cha] o seis de outubro de 1929, festividade de san Bruno que, como el subliñaba, era “o inimigo da palabra” para máis paradoxo. A súa familia era labrega podente e el o primoxénito de catro irmáns. Aos catro anos comezou a fumar e aos sete [contaba el como se se referise a un insólito fenómeno] botaba un macillo de catorce pitos. Aos nove anos botou o seu primeiro puro. O seu pai era o alcalde do concello, cargo que abandonou en 1943 por unha grave enfermidade, da que faleceu anos despois. O seu tío Xosé Fernández [párroco de san Froilán en Lugo, teólogo e catedrático de Filosofía] convértese no seu preceptor á morte do pai. A marcaxe tutelar do crego e a súa habenza cultural marcarán de xeito decisivo a formación literaria e relixiosa do rapaz.

Durante un tempo, estivo interno na Academia Galicia dos maristas de Lugo [unha experiencia que lembrará angustiosa] ata que en quinto de bacharelato ingresa no instituto. Nesa primeira xuventude, coñece a Uxío Novoneyra [manterán unha estreita amizade ao longo da vida] e entra en contacto co grupo de galeguistas asentados na tertulia do hotel Méndez Núñez, formada por Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega ou Luís Pimentel, home que deixará nel unha imborrable pegada. En Lugo, pronuncia a súa primeira conferencia, publica os seus primeiros poemas [ensinouno a versificar un xornaleiro da casa, Manuel de Paderna] e edita a revista Xistral, nome da serra que separa o mar Cantábrico da Terra Cha e que el utilizará a partir de entón en varios dos seus proxectos bibliográficos: a editorial que funda nos anos cincuenta con Manuel Antonio Sopena [refundada logo a finais dos 60] e a librería que no 1970 inaugura en Monforte de Lemos. Nesta cidade pasa a maior parte da vida.

fotosmanuelmaria_00997

O seu bautizo editorial con Muiñeiro de brétemas fai del o primeiro poeta novo da posguerra, condición que lle valerá a consideración dos galeguistas como fora de de renovación xeracional. O poemario, encadrado na corrente da Escola da Tebra, está inspirado por Heidegger e polo existencialismo, no que se empapa a través de Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, un dos seus valedores iniciais.  “Todo o espertar da adolescencia á vida sexual, á intelectual, o non atoparme conforme co mundo en que vivía (tanto no aspecto político como no relixioso), produciu en min unhas crises terribles. Isto levoume a asimilar moi ben a filosofía existencialista”, explicaba o propio poeta. Posteriormente, ao evolucionar de Heidegger a Marx, Piñeiro e mais el distáncianse [como aconteceu con Novoneyra]. Só unha obra de Manuel María quedará no catálogo de Galaxia, Mar Maior [1963], libro que recolle textos estrados en diversas publicacións, entre eles Verbas a Saleta: “A vella impaciencia rematou / aínda que segue / ardendo en min a vella sede. / Un degaro por dentro. Un eterno desacougo que me roe. / E unha néboa sutil que ti desfás / co maino sol do teu sorriso”.

Os anos cincuenta van ser de intensa produción. Publica Advento (1954), Terra Cha (1955) ou Documentos persoais (1958), e escribe Libro de pregos, fermentado no conflito relixioso que padece tras a morte accidental do seu irmán máis novo. Este libro sería premiado en Bos Aires no 1955 e publicado en 1962. Advento, en palabras de Mercedes Queixas [autora da biografía Labrego con algo de poeta], contén “poemas do desasosego, da angustia, do debate interno, inconformista, e da interrogación encadeada ante diferentes presupostos vitais serán a columna vertebral do pulso lírico”. Terra cha é un dos seus libros simbólicos, primeiro dunha longa ristra de títulos dedicados a espazos xeográficos concretos, como Foz, Valdeorras, Quiroga, Pantón ou Monforte. [Manuel María amaba “fondamente os libros localistas, fronte á triste uniformidade do cosmopolitismo híbrido e consumista” e consideraba que “toda poesía é localista e individualista. O universalismo, en definitiva, non vén ser máis que o localismo aceptado pola xeneralidade” . Terra Cha, con once edicións, pasou dos 55 poemas iniciais aos cento dez da edición máis recente. En Documentos persoais, por último, preséntase como un “labrego con algo de poeta”, definición recursiva ao longo da súa vida. Para Méndez Ferrín, é unha obra “sobria, sinxela e familiar”.

O mundo eminentemente lucense de Manuel María dilátase nesta década dos cincuenta coa dimensión hiperbólica de Compostela. Primeiro, vai á capital galega estudar Dereito: obtén tan malos resultados académicos que só fai un curso. Regresa a Compostela pouco despois para o servizo militar, que comparte con Novoneyra. Os dous son inseparables e xuntos asisten ao faladoiro do Café Español [onde impón o seu maxisterio Otero Pedrayo] ou visitan case a diario ao pintor Carlos Maside, que os pon en contacto co marxismo. Relaciónase en especial con Fermín Bouza Brey, o poeta que inaugurou o neotrobadorismo e un dos personaxes máis estigmatizados entón pola causa homosexual. En recoñecemento á reivindicación que Manuel María fai da súa obra en Notas encol da poesía de Bouza Brei [publicado no boletín da Real Academia Galega (RAG) en 1958], Bouza regálalle o número un da edición numerada de Nao senlleira.

fotosmanuelmaria_00971

Despois do servizo militar, aproba en 1957 os exames para procurador de tribunais e establécese en Monforte. Compaxina os xulgados coas clases nunha academia [a Balmes] e as colaboracións na radio da cidade, daquela a principal da provincia. Un ano despois casa con Saleta Goi, unha muller de gran beleza e forte carácter coa que compartirá accións políticas e inquedanzas culturais. "Cando nos coñecemos", relata Saleta Goi nunha entrevista publicada pola Real Academia Galega (RAG), "eu estaba cunha amiga, unha irmá do pintor Grandío. El estaba noutra mesa e comezamos a charlar. Cando marchamos para a casa el acompañoume... e despois empezamos a nos cartear, e así comezou a nosa relación. Eu sempre explico que me namorei antes das cartas ca do poeta! Esas cartas algo tiñan, eran moi bonitas. Puxémonos de acordo para rompelas [porque] na túa vida non ten que furgar ninguén. O que importa é a obra, penso eu. Entón as intimidades…” Manuel María, pola súa parte, evoca o cambio que supuxo establecérense os dous en Monforte: “Tiñamos trinta anos recén cumpridos. [Foi unha] adaptación a unha nova cidade, a unha nova paisaxe, a unha nova xente, o enfrontamento cunha profesión que non nos entusiasmaba e, ademais, o ter que soportar un réxime político que nos negaba todos os dereitos como galegos e como persoas. Xuntos resistimos e loitamos na medida do posíbel”.

A súa posición vital cambia radicalmente ao comprometerse [como activista e militante] co nacionalismo de inspiración marxista. Participa na creación da Unión do Povo Galego (UPG) e na da Fronte Cultural da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). A súa poesía vólvese un instrumento de transformación da sociedade, de concienciación e de posta en valor dunha Galicia asoballada como nación e como pobo. “Acuso a clase media -grandes e pequenos burgueses- / porque eles foron e son os que traizoan / o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia”, escribe en Remol, un libro de 1970 editado en Bos Aires. Os títulos deste período son elocuentes das latitudes de esixencia ideolóxica que transita: Versos para un país de minifundios [1969], Informe para axudar a alcender unha cerilla [1973], Canto rodados para alleados e colonizados [1973], Poemas para construír unha patria [1976] ou Catavento de neutróns domesticados [1978]. Entre eles, sobresae pola expresividade do trazo e a ironía exultante Odas nun tempo de paz e ledicia, publicado en Portugal en 1972. Porén, o libro que se converterá nun auténtico éxito editorial e marcará un fito na historia da poesía para nenos é Os soños na gaiola, distribuído por primeira vez en 1968, nunha edición non venal a cargo de Cartonaxes Anmi. En 1972, cando a editorial Celta o saca á venda, esgótanse en poucos meses as tres edicións que se imprentan. O propio poeta explica, no prólogo de1972, que Os soños na gaiola naceron das súas lembranzas da infancia campesiña, que son os versos “que este humilde autor botou de menos cando el era neno. Versos que, por outra banda, non había na literatura galega e que tan precisos son. Eu quixera encher, en parte, ese oco. Perdoádeme si non acertei”.

fotosmanuelmaria_01328

O seu labor [a bandeira que el representaba, coa estrela vermella sobre a franxa azul] será clave nos movementos políticos da época, a miúdo en aberta confrontación co poder establecido, ante o cal o poeta nunca se comportou de xeito sumiso. Foi multado en varias ocasión e pasou tamén polo cárcere [en 1977, a policía rexistroulle a casa á busca de probas que demostrasen a súa relación cos grupos terroristas]. “Estabas a temer sempre que che aparecese a policía pola casa, que che levasen os libros, que te levasen a ti. Sobre todo, porque a miña sobrevivencia dependía da miña profesión”, aseguraba.

En Monforte, forma un nutrido grupo de discípulos, entre os que sobresae Lois Diéguez, escritor e portavoz da AN-PG, logo deputado no Parlamento autonómico. A presenza ética e cultural do poeta na cidade agrándase coa Colección Val de Lemos, onde aparecen autores que renovarían a lírica galega contemporánea [Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña, Margarita Ledo e Fiz Vergara, entre outros] e a apertura [1970, con Saleta á fronte] da librería Xistral, auténtico centro de difusión do coñecemento no que se formarían escritores como Manuel Veiga. En 1979, nas primeiras eleccións municipais da democracia, Manuel María sae elixido concelleiro polas listas do BNPG. O ex secretario xeral da UPG Francisco Rodríguez asegura, nun testemuño recollido por Mercedes Queixas, que Manuel María non era “un home precisamente moi dotado para a política”, pero “asumiu e serviu funcións políticas simplemente porque lle parecía que era un deber. Neste aspecto, levou o compromiso do intelectual até unhas esferas ou até unhas lindes que ninguén practicou na Galiza nese mundo”.

A experiencia política, de feito, acabará resultándolle amarga. Os motivos son varios. No concello, péxanlle os movementos. Sen ir máis lonxe, impídenlle asumir a tenencia de Cultura [que el arelaba] e obrígano a coller Lixo e Alcantarillado. A situación vólvese crítica nada máis tomar posesión do cargo. Nas festas patronais de agosto de 1979, a policía carga contra un grupo de manifestantes que reclamaban a gratuidade dos concertos. Na refrega, morreu un home de 36 anos: Nunca quedou claro se a causa da malleira policial ou por un fallo natural do seu corazón [tiña instalado un marcapasos]. Desde o BNPG reclamaron xustiza e trataron de organizar unha manifestación de protesta pola actuación da policía, pero pronto foron neutralizados. As forzas residuais do franquismo iniciaron unha insidiosa campaña de desprestixio e ameazas telefónicas que incluíu a petición de sinaturas para expulsar o poeta da cidade. A atmosfera enrareceuse. Sobre el e mais Saleta estraron bulos só concebibles polo odio encistado. Ás seguintes eleccións municipais, o BNPG perdeu os tres concelleiros que posuía.

fotosmanuelmaria_01490

Como reacción á quebra, abrolla nel unha sensación de illamento que vai máis alá dunha pulsión emocional ou dun ámbito xeográfico concreto, como subliña en A luz resucitada (1984): “Son un forasteiro na cidade en que vivo, / na propia tribo natal, / incluso na patria do corazón, na que escollín e me escolleu, / na que máis amo. /¿Que fado tráxico, que estraña / maldición ou odio monstruoso / fan de min un raro forasteiro / na miña propia, irrenunciábel patria?”. Testemuños deste tipo sérvenlle a Manuel Veiga para falar dun Manuel María que, talvez, “estaba convencido de que a súa vida consistía en asistir, sen podelo evitar, á destrución paulatina do seu país e pretendía deixar, nas súas obras, proba de como era todo e mesmo de como debera ser. Unha caixa negra para as xeracións futuras”.

En 1985, abandona a política militante [entre outras razóns porque rexeitaba a postura da UPG de acatar a Constitución para participar nas institucións] e céntrase na obra literaria. Abrangue todos os xéneros [mesmo o guión cinematográfico] e desenvolve unha avultada produción teatral, con 25 obras escritas, entre elas A lúa vai encoberta (1992), unha das grandes pezas da dramaturxia galega finescular. Poeticamente, xunto a un maior peso da forma clásica, avanza cara a un humanismo envolto de nostalxias [o paso do tempo] e de renovado amor á tribo de Outeiro de Rei, elevado a paraíso de beleza idealizada: “O Miño acada a súa plenitude en Outeiro de Rei, no Campo de Santa Isabel” [escribe en 1981]. A propia Terra Cha “é case a perfección [declara nunha entrevista], “o eido máis fermoso deste mundo” [discurso de ingreso na RAG]. E como o Edén bíblico, a Terra Cha está rodeada por catro ríos, un deles apenas un regato: o Cepelo. Manuel María ama o Cepelo “porque nel podes chegar coa man ao fondo” e “porque é un río que non quixo emigrar: é un río que nace e morre na tribo”. Segundo subliña Saleta Goi, Manuel María "tiña necesidade da súa terra, da horta da súa casa. Cando chegabamos alí e abría a porta do coche, antes de ir ver a nai e os irmáns facía unha cousa: ía antes ca nada á horta, tiña unha necesidade enorme de ver a terra”. A xuízo de Manuel Veiga, a partir de 1981 prodúcese nel un cambio significativo que coincide “coa normalización do novo sistema democrático, desencanto incluído. As hipóteses, que até agora estaban abertas, non se ven realizadas. A inflexión persoal e a inflexión social obrígano a recuar á nostalxia, nunca de todo abandonada, e a aumentar o calibre da súa poesía amorosa, como foco de resistencia cando as outras ilusións se esvaecen”.

 

m_90_007

Tamén é neste novo período que intensifica a actividade xornalística, iniciada  en 1949. As súas colaboracións esporádicas convértense en artigos periódicos [publicou case mil cincocentos ao longo da vida]. Primeiro aparecen de forma regular en A Nosa Terra, que acollerá os seus traballos [publicados co alcume de Manuel Hortas Vilanova ou M. Outeiro Hortas] entre 1977 e 1988. Logo, recolle o seu facho o rotativo compostelán El Correo Gallego, onde publica semanalmente as súas colaboracións desde 1989 ata a súa morte [a derradeira só uns días antes de falecer]. O groso dos seus artigos foi escolmado nos volumes Andando a terra [A Nosa Terra, 1990] e Memoria de terra [Casa Museo Manuel María, 2015].

O seu discurso de ingreso na Academia Galega [á que se enfrontara abertamente durante a xestión de García Sabell] tivo lugar no Auditorio de Vilalba en febreiro do 2003, proposto por Franco Grande, Méndez Ferrín e Ramón Lorenzo. O tema do discurso foi Terra Cha, poesía e paisaxe e nel defende a existencia dunha Escola poética chairega, “con personalidade propia”. Un dos últimos actos de relevo no que participou foi a manifestación do 2002 na Coruña contra a xestión política que se fixera da catástrofe do petroleiro Prestige. Morreu o oito de setembro do 2004 [cun libro de Rosalía nas mans] tras estar uns días hospitalizado por un cancro. Sen_metafísica_poética_digo_o_meu_mensaxe

No 2007, creouse a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que dirixe a súa viúva. A fundación adquiriu a casa na que nacera para convertela nun museo, onde quedou depositada a súa biblioteca [con máis de 12.000 títulos] e o fondo documental que conservaba. “Podemos así dicir que toda a vida de Manuel María”, escribiu Méndez Ferrín na resposta ao discurso de ingreso do poeta, “ten sido, e segue e seguirá a ser, unha viaxata interminable polos vieiros da Saudade, digo da Galicia que non se dá visitado, que non se dá visto, que non se dá sentido nunca completa”.

A súa escrita [confesaba] naceu “por afán de comunicación” aínda que [ao seu xuízo] a literatura sempre é “unha loita contra a morte”, pois se te pós diante dun papel, “mesmo se non pensas publicar o que escribes, estás loitando contra a morte” [dicía]. El sentíase “metido” no mundo que o circundaba [víase algo franciscano: en contacto coa natureza] e cando escoitaba o murmurio do Cepelo sempre pensaba en que algo lle quería dicir. “A palabra, aseguraba, “é a creación máis asombrosa do ser humano” e a poesía “un instrumento para ver a transrealidade das cousas”.

 

Texto: Antón Lopo

Imaxes: Casa Museo Manuel María