Sesión pública da RAG en Outeiro de Rei

A RAG celebra o Día das Letras Galegas cunha sesión pública en Outeiro de Rei

image_gallery"Gardo dentro de min toda a fragancia / dos amados rincós da miña infancia / e os recendos que tiña a vella casa". Manuel María Fernández Teixeiro dedicoulles versos coma estes ao fogar de Outeiro de Rei no que naceu o 6 de outubro de 1929 e no que pasou a súa infancia, a Casa de Hortas. Este lugar, esencial na súa vida e na súa obra, e hoxe convertido en Casa-Museo Manuel María, será o escenario no que a Real Academia Galega celebre o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas, nunha sesión extraordinaria aberta ao público.

Na cerimonia, que se desenvolverá a partir das 12.30 horas, tres membros de número da Academia, Manuel Rivas Barrós, Margarita Ledo Andión e Darío Xohán Cabana, serán os encargados de recordar a traxectoria vital e literaria do escritor. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, pechará o acto.

Máis información na web da Real Academia Galega.