Manuel María. Beleza, amor e compromiso

A Xunta inaugura a exposición itinerante sobre Manuel María, no marco das celebracións do Día das Letras Galegas que este ano lle rende homenaxe ao autor chairego

O Goberno galego inaugurou hoxe na Coruña a exposición itinerante sobre Manuel María, unha das actividades enmarcadas na programación do Día das Letras Galegas que este ano lle rende homenaxe ao autor chairego. A mostra, que foi deseñada en colaboración coa Casa-Museo do autor, percorrerá trece localidades das catro provincias ao longo deste ano.

A través de dez paneis e grazas ao material aportado pola Fundación que leva o seu nome e custodia o seu legado, a mostra recolle dun xeito ameno e gráfico a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais. Deste xeito, afonda en aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou.

Logo da súa estancia da Coruña, a exposición recalará o 17 de maio, Día das Letras Galegas, na terra natal do escritor, en Outeiro de Rei (Lugo). Despois percorrerá as cidades de Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova.

Máis información na web da Xunta de Galicia.